Tocounos vivir unha época en que breves sacudidas do sistema, como o apagón de 2025 ou o grande confinamento de 2020, alimentan en amplos sectores da poboación saudades de tempos “máis sinxelos”. Desde a EXB ao Xabarín Club, de Cóntame como foi a A vida portuguesa, a nosa cultura está chea de ficcións, marcas, movementos sociais e partidos políticos dispostos a tirar proveito da NOSTALXIA.
Acompañadas de novo por Alva Pico, as Womansplainers debullamos este fenómeno e tentamos pescudar de que teñen en realidade saudades as saudosas do pasado, en que medida a chamada “morriña” é integral á nosa identidade nacional e falamos da nosa propia nostalxia e dos textos en cancións que a espertan.
Volvemos, unha tempada máis, prontas para matar a vosa saudade de nós e a nosa saudade de opinar forte!