Séculos atrás, o corpo do home destinábase á guerra e o da muller á reprodución. Realmente cambiaron as bases despois de tantos anos ou os tentáculos medievais aínda moven os fíos?
O corpo da muller é cuestión pública, en cambio, o corpo do home non ten debate moral ao seu redor a excepción de se é “demasiado” feminino ou se aspira a ser feminino por vontade propia.
Hai palabras relacionadas co corpo da muller que son tabú. Por exemplo: vulva, regra, menstruación, candidiase, menopausa, ... Outro deses tabús é o aborto. O aborto, sexa espontáneo ou inducido, é un proceso duro a nivel físico e psicolóxico para calquera muller que se vexa nesa situación e merece polo tanto visibilización, voz, acompañamento e escoita. Necesitamos dar espazo ao aborto, ser capaces de falar sobre el porque forma parte da nosa realidade. Sen dúbida é unha traxedia que unha muller que desexa ser mai vexa o seu embarazo truncado por un aborto, pero tamén é unha traxedia que unha muller embarazada que non desexa ser mai se vexa obrigada a chegar ao final da xestación e a parir en contra da súa vontade.