Listen

Description

Cada vez que algunha persoa é violenta con alguén hai algo non atendido no seu interior. Cando somos violentas, hai algo que non estamos querendo ver de nós mesmas, algo do que non queremos facernos responsables e explotamos cara fora derramando toda a lava do noso volcán sobre a outra persoa. Temos esta especie de estratexia inconsciente de buscar aquel que consideramos o elo máis débil da cadea e cebámonos con el. E isto pasa tanto a pequena como a gran escala, dende a familia até as guerras. Escollemos aquel ser sobre o que sentimos que temos poder e vomitámoslle encima todo o noso fel. En vez de mirarnos a nós mesmas e observar toda esa violencia que cargamos, escollemos proxectala noutra persoa e aí empeza a cadea. Multiplicamos a violencia a cada momento.
Cada situación de violencia que padecemos ou que infliximos a outras persoas amósanos a inmensa dor que acumulamos no noso interior e da que evitamos facernos cargo.
O máis fácil é dicir que hai persoas malas que son violentas e crer que somos alleas a elas sen decatarnos de que son os nosos espellos. O duro é asumir que eu tamén son violenta. Se como humanidade estamos conectadas, non podo ser allea a esa persoa que recibe unha malleira nin tampouco á persoa que propina dita malleira. Non me refiro soamente á violencia física porque, inda que é a máis explícita, son igual de ferintes a violencia verbal e a psicolóxica.
Durante demasiados séculos, as mulleres temos sido sacos de boxeo para a descarga dos homes que se creron con dereito a derramar sobre nós a súa violencia e o seu esperma, incapaces de considerarnos seres humanos e tratándonos como obxectos da súa propiedade ao servizo das súas apetencias e da reprodución da “súa” semente. Cando hai un sistema e unhas estruturas de poder que consolidan o privilexio dos uns sobre as outras, a violencia infíltrase na cultura e na educación configurando unha programación interna que nos fai normalizala e aceptala individual e colectivamente.
Todo tipo de violencia exercida sobre calquera ser humano é un acto que atenta contra a humanidade enteira. Onte foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller pois eu creo que ese día son todos os días: #ninunhamenos