Listen

Description

A Esfinxe foi designada como “monstro feminino”. A mitoloxía grega representouna como unha leoa alada con cabeza e peito de muller que propoñía enigmas irresolubles. Discípula das Musas na formulación de adiviñas, esta “cruel cantora”, dicían, mataba abrazando e asfixiando aos que non conseguían resolvelas.
A mirada masculina converteuna en emblema da perversidade, a maquinación e a sexualidade devoradora. Deixando á parte tanto a obxectivización en forma de adorno de decoración grutal como a hipersexualización que deron os homes á súa enigmática aura, a Esfinxe é unha criatura esotérica de profunda sapiencia que salvagarda o coñecemento e o oculto de caer en mans interesadas e profanadoras. Gardiá do sagrado e protectora de santuarios, mausoleos e oráculos. Ogresa de rostro inescrutable, de profundos e sabios ollos que ven máis alá das aparencias. A sabedoría da Esfinxe radica en mirar de fronte e escoitar receptiva para, só se o considera necesario, facer as preguntas incómodas.
Durante séculos, as Mulleres tivemos que baixar a mirada, mirar cara outro lado ou incluso pechar os ollos por medo, impotencia e resignación coa crenza de que non podiamos facer outra cousa. Hoxe vemos posibilidades que antes non eramos capaces nin de imaxinar. Soster a mirada aberta e directa moitas veces interprétase como algo ofensivo, descarado, provocador ou intimidante nunha muller causando naqueles que nos observan desconcerto e irritación.
Coidando da nosa natureza salvaxe e cíclica, a nosa voz ouveadora e os nosos cambaleantes pasos descalzos, aí está a Esfinxe. Acaricia cos seus ollos o que ocorre, sabendo que ten o poder de dar un mortal abrazo se é preciso defenderse, pero coa vontade amable de recibir e non de atacar.
Coa mirada aberta e receptiva podemos captar o esencial e iniciar unha conversa que abrace a complexidade e contradición inherentes a todo ser humano.
Irmás, protexamos a sabedoría e o sagrado en nós como fai a Esfinxe: mirando de fronte aos sucesos e persoas que se nos presentan diante cada día do ano.