Miña avoa, como todo un oráculo que é, sempre di mentres debuxa co seu dedo índice un círculo no aire: “A Vida é unha roda”. Se nos paramos a imaxinar unha roda, o natural para ela é xirar. Se a Vida é unha roda como afirma miña avoa toda chea de razón, unhas veces estaremos na parte de arriba lixeiras e dispostas; e outras veces na parte de abaixo cargadas e sostendo o peso.
A roda recórdanos a importancia de percorrer todo o sendeiro circular alternando entre estar enriba e embaixo. Pretender apegarnos, rexeitar ou fuxir de calquera dos puntos da traxectoria é un atentado contra o fluír da Vida porque implica unha etiquetaxe elitista que nos enguedella no xuízo dos momentos como se houbese algúns menos válidos ou menos selectos que non merecen ser vividos.