Listen

Description

As máscaras e disfraces crean un espazo entre a persoa que os leva postos e os actos que leva a cabo. Póñovos tres exemplos: o filme de Kubrick titulado “Eyes wild shut”; o Ku Klux Klan; e os Masóns. O perigo ou vantaxe, segundo como se mire, do enmascaramento, é que agocha a identidade da persoa responsable de ditos actos. Porén, dende o 2020,  un presente pandémico creou un contexto no que, paradoxalmente, o que inquieta e dá medo resulta ser o rostro ao descuberto. Curioso, verdade?
É que empeñámonos en demostrar o racionais, modernas, tecnolóxicas e avanzadas que somos como sociedade occidental, pero seguimos precisando purificarnos e liberarnos mediante o rito e a conexión coa natureza, o oculto, o reprimido e o irracional.
Hai unha viaxe entre opostos moi intensa do noso péndulo vital: éxtase ou abstinencia, exhibirse ou ocultarse, ser ou aparentar. E non aceptamos ese movemento pendular porque xulgamos que só debemos pasar por certos estadios do abano de posibilidades e ignorar outros.
A frase de RuPaul di así: “Todas as persoas nacemos núas e o resto é Drag”. Esta cita exemplifica á perfección que temos varias versións de nós mesmas en función da etapa vital na que estamos; e varias personaxes en función dos roles e contextos nos que nos atopamos. Somos moito máis do que amosamos. Somos moito máis do que agochamos. Somos tan inabarcables que non cabemos nunha soa imaxe porque o contínuum da experiencia humana é fluído e poliédrico. Non somos unha soa cara do polígono, somos calidoscopios en continuo movemento. E por máis que nos empeñemos en manter sociedades que persigan a rixidez e a estaticidade, só é un desesperado intento de darnos unha sensación de control que calma o noso sistema nervioso perante o descoñecido, cambiante e incerto da Vida. 
Que viva a festa do Entroido porque consegue liberarnos dos pesos desas máscaras, disfraces e personaxes que levamos postas o resto do ano!
Déixovos aquí unhas preguntas para facérmonos nestes días de troula carnavalesca:
- Que necesidade nos leva a agocharnos tras disfraces e máscaras: a de ser outra persoa ou a de ser realmente quen somos?
- Que permisos nos damos cando nos sentimos libres da imaxe que creamos de nós mesmas?
- É o Entroido unha posibilidade de ser outra persoa ou de explorar partes de nós mesmas que mantemos reprimidas a diario?