Listen

Description

O ser humano é fundamentalmente un ser creativo. O caso é que estamos insertadas nun sistema de produción capitalista que nos fai pensar na obrigatoriedade de que haxa un produto final e na súa comercialización. Aquilo que creamos e aquilo co que desenvolvemos a nosa creatividade non ten que ser útil nin tampouco ten que servir para obter diñeiro. A utilidade e a rendibilidade quedan á marxe da creatividade. Non debemos poñer condicións como valados que limitan a nosa leira de creatividade.
O que nos empurra a crear é unha necesidade expresiva: a vontade de dar saída a algo que se axita no noso interior. Faise insoportable e pesado levalo dentro e por iso precisamos recoñecer o que nos desacouga no noso interior e darlle unha canle creativa coa que poida manifestarse externamente case nunha especie de exorcismo de nós mesmas.
Se pensamos que é cousa de cativas e que como somos adultas non nos corresponde atender esas ganas de explorar creativamente, vai quedar aí no noso interior como vida rexeitada, perdida e negada que vai esburacando a nosa saúde. É por iso que poderemos sandar na medida en que acollamos esa voz interna que nos inspira a crear.
Só fai falla un cambio de actitude interna que nos leve a conectar coa nosa creatividade e, para iso, podemos comezar preguntándonos:
- Estou concedéndome o permiso, o tempo e o espazo para crear e desenvolver a miña creatividade ou sigo lamentándome por ter deixado de facer aquilo que despertaba a miña creatividade?
- Como podo facer o que normalmente fago, pero divertíndome?
- Estou poñendo as miñas habilidades en xogo ao longo do día?
- Como podo encontrar e probar novos escenarios creativos?
- Sei crear espazo nos meus horarios para facer cousas que me encantan e tamén para o non-facer?