Listen

Description

Como ninguén lle dixo ao abellón que - segundo os expertos en aeronáutica do ano 1934 – o seu peso, forma e tamaño das súas ás facíano inadecuado para voar, simplemente seguiu voando. Tras setenta anos de investigación, a física de fluídos por fin achou como o facía: as súas ás trazan un óvalo e dóbranse cara diante e atrás xerando turbulencias microscópicas. O abellón desafiou os límites aparentes e as normas establecidas co seu xenuíno movemento de ás. 
A diferenza do abellón, a min si me dixeron que a miña “hipersensibilidade” sería un problema que me dificultaría a vida e crino. Por iso, construín múltiples coirazas para ocultarme e cortei as miñas ás por consideralas inútiles para o voo. Agora, en cambio, deixeilles brotar para permitirme a miña propia maneira de voar. As miñas ás, como as do abellón, tamén crean turbulencias, pero no meu caso emocionais. Aféctanme intensamente os cambios no comportamento e as emocións das demais persoas tanto como as propias e por iso me sinto azorada con gran facilidade. Sobreactívome a maior parte do tempo con todo o que ocorre ao meu redor. A miña intuición é extremadamente activa e percibo unha paleta infinita de matices que me levan a saber cousas que non sei como explicar. Desexo conectar coas demais e á vez protexerme dos estímulos inherentes á socialización; necesito ter conversas profundas con outras persoas e á vez tempo á parte para repoñerme e reflexionar a soas.
Entón descubro que as Persoas Altamente Sensibles temos a gran función social de continuar co noso peculiar “bater de ás” porque pon sobre a mesa todo aquilo que os demais seres humanos refusan sentir ao crer que así se protexen para sobrevivir ao “voo” da vida.
Por se vos pode ser de axuda, recoméndovos un libro moi interesante chamado << O don da sensibilidade >> escrito por Elaine Aron.