Listen

Description

Bailarina, danzante, bailadora, bailadeira, danzarina. Todas estas palabras refírense a aquela persoa que é amiga de practicar danza.

Visualizo ese cadro titulado A danza no que o pintor Henri Matisse preséntanos unha rítmica sucesión de corpos danzantes espidos sobre un fondo de intenso ceo azule de veludento verde chan que transmite a conexión coa natureza, coa sensación de liberación emocional e de hedonismo. Sen dúbida hai no momento danzario algo de purgante, de expresión sublime, de exorcismo, de diálogo e de encontro.

A danza é máis que elaboradas secuencias de pasos e posicións técnicas ao son dunha música. Respiración e emoción son danza. Quietude e silencio tamén son danza. Todas as persoas levamos dentro unha pulsión dancística, o que non significa que esa danza interna encaixe cos códigos dos estilos de baile clasificados como tal. Ritmo, tempo, cadencia, niveis e calidades varias son apeiros da danza que permiten infinitas combinacións.

O movemento ten algo marabilloso porque, alén de ceibarnos fisicamente, provoca un cambio enerxético no noso interior e no noso exterior. A danza proporciona esta incrible oportunidade de revirar o noso mundo para amosarnos que outra vibración é posible.

Por iso, se nalgún momento da nosa vida nos sentimos estancadas ou atrapadas, non se me ocorre mellor menciña que a danza. Non fai falla receita médica nin pagar por ela, está ao alcance de calquera e os efectos son inmediatos. Hai emocións que non sabemos poñer en palabras e porén si podemos levar ao corpo danzante para seren expresadas e compartidas. Podes bailar en silencio ou con música, desprazándote ou quieta, ao aire libre ou dentro dunha sala, soa ou acompañada ... E sobre todo, podes deixar fluír calquera emoción que abeires. Podes rir, chorar, berrar, cantar, rezar, esbirrar, ... Non existe ningunha emoción ou acción que a danza non acolla no seu xeneroso colo.

Como dicía a gran bailarina e coreógrafa Pina Bausch: “Bailemos, bailemos, bailemos, ... senón estamos perdidas!”

Hoxe, 29 de abril, conmemoramos o Día internacional da Danza e, sendo bailarina, pois non podo deixar de celebralo cada día do ano.  Así que... bailamos?