Fai unhas semanas estaba vendo un documental sobre Anthony Robbins: un orador motivacional moi famoso de Estados Unidos. Pois no documental pódese ver a milleiros de asistentes dos seus congresos dando chimpos, berrando, cantando e repetindo consignas con este home no que buscan euforicamente unha solución para as súas vidas. Cando vin esa estampa pensei: “Que grupo de ovellas desesperadas porque alguén lles amañe a vida”. E descubrinme sendo moi cruel e soberbia. Primeiro xulguei a toda esa xente e despois decateime de que, dalgunha maneira, todas estamos devecendo por deixar nas mans de alguén as nosas vidas para que nos digan como vivila. Andamos a buscar o santo graal, o vélaro de ouro, a chave das noces para que nos digan como se vive. Unha parte de nós implora ser guiada por outras persoas para telo máis doado: que me digan cal é o camiño e eu sígoo!
Por suposto que é cómodo que nos dean as cousas feitas, que nos dean unhas directrices mastigadas que só temos que engulir. Que alguén se faga cargo da nosa vida, vaia. Mais esas directrices que nos dan as idealizadas guías ás que seguimos, seguen sendo un molde alleo no que tratamos de encaixar para ter a sensación de que pertencemos a un grupo, de que nos validan e confirman que estamos vivindo “como é debido”. Sen dúbida hai un certo descanso no feito de seguir os dogmas que ditan outras persoas ás que enxalzamos porque así evitamos facer o traballo persoal. É máis doado que nos dean unhas pautas que definan cales son as etapas da vida, que hai que facer en cada unha delas e acatalo. Por unha banda é un descanso, si; pero pola outra é un abandonarse a si mesma e unha irresponsabilidade para connosco.
Non hai atallo, non hai receitas máxicas nin gurús que saiban vivir a nosa vida mellor ca nós. Así que tampouco creamos que sabemos como deben vivir a vida as demais persoas. Respectemos e valoremos a nosa batalla vital así como a das demais e, sobre todo, non nos eliminemos da ecuación da nosa propia vida.