Listen

Description

Probablemente, identificar cando as demais tratan de controlarnos sexa máis fácil que detectar o control que nós tratamos de exercer sobre as outras, máis que nada porque culpar ás demais é psicoloxicamente máis soportable que asumir as propias sombras que gardamos entre bastidores.

Podemos facernos conscientes das dinámicas de poder que subxacen a calquera relación entre persoas e, dese xeito, darémonos de conta de que aplicamos todas estas estratexias porque, de xeito inconsciente, buscamos con ansiedade sentirnos amadas e seguras; pero iso non xustifica o noso comportamento controlador.

Cando dicimos que coidamos, ocupámonos da outra persoa ou estamos tratando de controlala? Porque non é o mesmo coidar dende os nosos temores a perder á outra ou dende a nosa condescendencia que dende o respecto á individualidade, capacidades e liberdade da outra.