Listen

Description

Fai varios séculos só a mirada das outras persoas podía devolvernos unha "imaxe" sobre quen somos. Agora calquera ten acceso a espellos, fotografías, vídeos, ... e neles podemos mirarnos, descubrirnos e recoñecernos.
Porén, a mirada das demais parte da súa propia interpretación e subxectividade polo tanto a devolución que nos ofrecen resulta ter todo que ver coas observadoras e nada que ver connosco, as observadas. A pesar disto, seguimos poñendo nun pedestal a opinión externa e tentamos axustarnos a ela.
Chegadas a este punto podemos pensar: entón atendamos só á nosa propia mirada e listo! Pero é que tamén está impregnada de subxectividade e polo tanto de distorsión sobre o que vemos de nós mesmas e das demais.
E como vos quedades se vos digo que tamén a imaxe que nos devolven espellos e cámaras modifica a realidade? Pois si, porque depende do tipo de espello no que nos miramos ou do tipo de lente da cámara que nos retrata.
Ao final, a percepción que temos, sexa baseada en espellos e cámaras ou na mirada das demais, non deixa de ser unha construción feita a través da interpretación mental. Sería ben relativizar a importancia que damos a como nos vemos externamente; xa que de todos modos, cada unha de nós ve o mundo e aos outros seres humanos dende o seu filtro persoal. 
E non podo falar de filtros sen referirme aos que utilizamos nas redes sociais para proxectar unha imaxe máis sofisticada de nós que non deixa de ser unha maneira de afastarnos da nosa realidade. Con isto non estou a dicir que a mirada doutros seres humanos sexa superior ou inferior á do algoritmo ou á nosa propia; non. O que digo é que todas esas miradas son tendenciosas e terxiversan a realidade.
Cada persoa coa que nos cruzamos é un espello porque nos reflicte unha parte de nós. Normalmente é unha faceta nosa que ignoramos ou negamos posuír. Pero nós escollemos o que queremos ver, literal e metaforicamente falando. Igual que facemos ao contemplar a nosa imaxe en espellos, fotos, vídeos ou ao escoller o filtro para publicar un selfie.
Que tal se tomamos a oportunidade de observar que hai detrás dese filtro persoal que aplicamos á hora de mirar o mundo e a nós mesmas? Que tal escanearnos internamente en vez de fotografarnos externamente? Que tal voltear a mirada cara dentro en vez de deixala cara fóra?