Unha ferida pode ser física ou do espírito, externa ou interna; pero en calquera caso trae consigo unha ensinanza para quen a padece. Mentres doe non somos capaces de ver a aprendizaxe que nos aporta e aínda menos de ver o don para axudar a outras a través dela. Máis ben pretendemos escondela por
medo e vergoña. En cambio, só cando a destapamos pode deixar de ser unha carga para nós e converterse nunha inspiración para as demais.
O máis doado é sentirnos vítimas das accións das outras e culpalas polas nosas feridas. Mais as feridas non teñen por que implicar o acto pasivo de sufrilas porque, en realidade, mediante a dor que nos provocan, estannos pedindo que poñamos a atención en nós e no que hai baixo a superficie.
Se somos completamente honestas: quen de nós non se sentiu rexeitada polo seu aspecto físico?, quen de nós non se reprimiu para ser aceptada e encaixar nos ideais de beleza imperantes?, quen de nós non se rexeitou a si mesma ao verse no espello?, quen de nós non está ferida?, quen de nós non rexeitou a outras persoas polo aspecto físico que tiñan?, quen de nós non fere ás demais querendo ou sen querer?