Listen

Description

Tanto dá que agora sexa química, a submisión sempre foi imposta ás mulleres emocional, sexual, social, cultural, intelectual, familiar e laboralmente. Submisas, así nos quixeron.
Todos estes sucesos de picadas de submisión química en festas, concertos e locais de ocio nocturno arrepíanme. Arrepíanme, pero desgraciadamente non me sorprenden. O xerme desta conduta orixínase en pequenas accións violentas, de agresión e de acoso que normalizamos no día a día. Por exemplo cando naturalizamos que unha persoa increpe a outra pola rúa berrándolle a súa opinión sobre o seu corpo ou aparencia.
Pois teño unha noticia que darvos: As mulleres non somos “produtos de libre disposición”.
O que temos que asimilar é que as persoas que abusan, acosan, agriden e violentan son as máis correntes coas que nos cruzamos cando imos polo pan. Pensar que os que o fan son os fillos das demais e non os nosos, exclúe a nosa responsabilidade sobre o asunto. Somos responsables en conxunto porque estamos criando e educando para que as cativas e cativos reproduzan estes comportamentos ou como mínimo para que os naturalicen e non os detecten como abusivos.
Deámonos a man insubmisas na revolución da toma de consciencia e construamos todes xuntes dende o afecto amable, o respecto, a escoita, a empatía e os coidados. Emprendamos a misión revolucionaria de traballar unides pola sociedade na que nos inserimos.