Listen

Description

Maternar é coidar dende o amor e dende a capacidade de vencellarnos afectiva, emocional e enerxeticamente con aquilo que maternamos. Maternar non se relaciona unicamente con un bebé. Podemos maternar proxectos persoais e profesionais; relacións familiares, de amizade, de parella e de traballo; e incluso a nós mesmas.
Todas temos clara a teoría sobre como se debería ser nai, sobre o que nos faltou na nosa crianza e sobre o que reprochamos á nosa propia nai. Pero esquecemos que unha mai non é un ser celestial, perfecto, elevado e con súper-poderes que vive exclusivamente por e para a crianza da prole. Temos unha imaxe idílica do que debería ser unha nai que non ten ningunha base no día a día da realidade humana. Acaba sendo un mito co que ameazar, xulgar e danar ás nais de carne e óso. Unha nai ten as súas problemáticas internas e externas, contextos e facetas, coma calquera persoa. Xa está ben de esperar que as nais sexan seres abnegados que renuncian a si mesmas para entregarse a servir ás demais. Xa está ben de esixirlle a unha nai que renuncie ao seu espazo persoal ou a divertirse fóra da maternidade. Xa está ben de maquillar a maternidade como a única experiencia posible para ser unha muller completa. Xa está ben de impoñer un único xeito de ser mai porque cada muller materna á súa maneira. Xa está ben de decidir o que deben facer as mulleres e convertelo en norma porque cada muller é unha persoa con unha vida particular e única da que se desprenden as súas eleccións.
Na nosa sociedade, cando unha muller expresa que quere ser mai, non ten que dar ningunha explicación, ninguén lle pregunta por que. En cambio, se unha muller expresa a súa decisión de non  ser mai, esiximos saber o porqué desa “anomalía” ou dicímoslle con condescendencia “Iso dis agora, pero xa cambiarás”. É dicir, obrigámola a xustificarse ou negamos a súa decisión. Por que facemos isto? Tamén asociamos mai a crianza, pero hai mamás que non crían ás súas fillas por diversas razóns e son outras persoas as que acaban tendo conta da criatura, polo tanto crianza non é exclusivo dunha mai nin vai ligada sempre ao feito de parir.
O sistema empúrranos a considerar a maternidade o camiño obrigado para ser considerada unha “muller plena”. O determinismo biolóxico úsase para incitar ás mulleres a parir e ser nais só porque o seu corpo é capaz de xestar. A “muller-nai” emerxe así como unha institución que, sexamos sinceras, é indispensable para a continuación do sistema de Mercado pois, que faría sen esas pequerrechas que serán futura man de obra e consumidoras da engrenaxe?
En definitiva, o que quero transmitir é o agradecemento tanto para coa nosa nai como para con todas esas figuras maternas que participaron da nosa crianza e contribuíron ao noso crecemento e desenvolvemento.
Nais arrepentidas de Orna Donath: unha mirada radical á maternidade e as súas falacias sociais. 
Non nais de  María Fernández-Miranda: mulleres sen fillos contra os tópicos.
https://carolinagonzalezma3.wixsite.com/doulasoymujer