Listen

Description

Estamos nunha época do ano na que consumimos desaforadamente con escusas como o xogo da amiga invisible, a aparición dun ancián de barba branca que vén do Norte montado en zorra tirada por renos, a chegada duns reis magos que veñen de Oriente en camelo, ... Temos unha grande inventiva para xustificar e enfeitar o noso consumismo nestas datas.

Moitas veces asociamos comprar con suplir unha necesidade que dicimos ter. Outras veces desexamos algunha cousa moi intensamente e por iso a mercamos. En calquera caso, resulta que hai algo que nos “falta” e que se “completa” cando compramos aquilo que desexamos ou necesitamos. Porén, unha vez que xa o conseguimos buscamos outra cousa para mercar nun insaciable intento de sentirnos satisfeitas.

Antes de utilizar alegremente a tarxeta de crédito nas tendas e comercios, podemos tomar un momento para observar que é o que nos fai falla verdadeiramente. Esta pregunta lévanos a identificar cales son as nosas necesidades, algo que non é tan doado de discernir polos múltiples condicionamentos sociais cos que nos criamos e que interiorizamos como propios.