Listen

Description

A frecha sostense disposta e presente en contacto coa corda do arco e nese intre, incluso para sorpresa da tiradora, prodúcese a acción e a frecha dispárase. Será posible ese estado de non intencionalidade e de desprendemento no que simplemente existir xa outorga todo o valor?

A trindade “ resultado = éxito = valor ” xeroume cantidades inxentes de sufrimento. O éxito é un xerundio, un “estar facendo” que non ten que ver co resultado, senón coa acción. Porén, moitas veces a acción trátase de “non-facer”. Confeso que “non-facer” resúltame moi difícil porque me pon diante un baleiro incómodo e zumegante de incerteza. Na maioría de ocasións dáme medo esa quietude e decido recorrer ao “facer, facer, facer...” buscando lograr algo exteriormente como automatismo anestesiante.

Cando paso momentos de bloqueo e de profundo cuestionamento persoal e profesional, revélaseme que é xustamente nese baleiro ao que tanto temo que pode acontecer a vida e a acción xenuína. Se son completamente honesta, o que me asusta é soltar a ilusión de control coa que medrei e sobre a que construín uns piares que en realidade son espellismos incapaces de sosterme. A miña tan aclamada forza de vontade, a miña necesidade de sentir que me esforzo e a miña crenza de que o que eu non faga non se realizará, leváronme á acción dende un lugar externo. Buscar fóra converteu en insatisfactorio e infrutuoso o meu facer porque estaba desconectado de min mesma e afastado da miña “obra interior”. Así que o reto para min é desfrutar da acción que nace xenuinamente de dentro e non condicionar o meu valor a un facer ligado á produtividade.

Que tal ir cara dentro e coñecer á buscadora en vez de impoñerme unha busca externa? É aí cando me observo disposta e presente como a frecha que conecta co seu valor polo simple feito de existir e non polo feito de acadar o centro da diana.

Nada que demostrar; todo por vivir.

Existo e aí radica o meu valor.

Punto.