Sabedes a típica persoa que cando a camareira pregunta que tal estaba a comida só por cumprir, ela vai e dá súa opinión sincera? Aquela que ve o fío que che colga da manga e avísate como se fose unha cuestión de vida ou morte? Esa que emprende batallas por un tícket de supermercado mal cobrado ou a típica que provoca que se alonguen as reunións porque fai as preguntas e comentarios incómodos que todo o grupo pensa pero que ninguén se atreve a facer? Eses individuos que nos enfastían cos seus comentarios puntillosos nos momentos menos oportunos. Esa xente que se hai un pemento que pica, tócalle seguro. Que vai moito frío ou demasiada calor, que ten moito sal ou está eslamiado... Que repugnantiñas estas persoas, verdade?
Hoxe quero homenaxear a estes seres humanos porque sacan á luz o que nos resistimos a ver e a recoñecer. Son lanternas certeiras que iluminan esa molestia que abeiramos, esa ferida que supura. Facémolas culpables do que sentimos nese instante, pero só nos están amosando a insuficiencia que xa levamos dentro.
Porén, todas somos repugnantiñas nalgún momento e, cando o somos, insconscientemente estamos buscando demostrar que valemos, que sabemos, que somos dignas de amor.