Alá polo ano 2008, o xornalista, escritor e sociólogo Malcolm Gladwell formulou unha teoría de gran impacto: para ser moi boa en algo, debemos dedicarlle polo menos 10 000 horas. Entón, para ser experta hai que practicar repetidamente até que adquiramos a pericia que require. A repetición da práctica como clave para a destreza máis alá do talento ou don innatos.
Até aquí poderiamos pensar que a repetición é algo que nos aporta beneficios e que decidimos de maneira voluntaria como medio para chegar á excelencia.
Podemos identificar que hai un repetir como algo activo, por exemplo: volver dicir ou facer algo que xa se dixo ou fixo antes ou servir máis cantidade dunha comida despois de rematar a que se estaba comendo; pero tamén hai un repetir como algo pasivo, por exemplo: o sabor dunha comida ou alimento que volve á boca mediante eructos ou volver facer un exame ou un curso cando te suspenden, é dicir, que outras persoas ou factores obrígante a esa repetición.
Mais, que hai das repeticións na nosa cotiandade? Chamámoslles hábitos e poden ser alimenticios, de hixiene, de consumo, de coidado propio, de exercicio físico, de ocio, ... Son esas pequenas cousas que repetimos diariamente e que, á fin de contas, configuran o noso xeito de vivir. Parecen insignificantes xestos e porén son os piares sobre os que construímos a nosa realidade.
E que hai desas repeticións que levan anos formando parte de nós e que se asentaron inconscientemente diluídas no noso comportamento de xeito automático? Chamámoslles patróns e foron xestados na nosa infancia coa función de facernos sobrevivir no noso contexto familiar, social e cultural. O que ocorre con estas repeticións solidificadas en patróns é que normalmente non as detectamos ou, se as detectamos, comezamos a culpalas por todo o que nos ocorre e que non nos gusta. Eses patróns que hoxe maldicimos en realidade foron os botes salvavidas na marusía dos nosos primeiros anos. Pero, a día de hoxe, non nos están salvando a vida, senón atándoa a crenzas limitantes que teñen a súa orixe en acontecementos vividos cando eramos cativas indefensas. Agora xa somos adultas e podemos darlle á nosa nena interna esa protección e sensación de seguridade que precisa porque desenvolvemos outros recursos cos que lidar perante as adversidades. Non utilicemos os patróns como escusa para non mudar eses comportamentos que nos impiden avanzar. Sempre hai opcións para facer as cousas de maneira diferente.
Así que preguntémonos:
- Estou repetindo para volverme unha experta ou estou repetindo pola comodidade da inercia automática do que é coñecido?
- Repito porque quero, porque algo ou alguén me obriga ou porque creo que non podo evitalo?