Listen

Description

Compromiso é ante todo un acordo do que se desprenden responsabilidades, pero tamén beneficios, non debemos esquecelo. Cando algunha das condicións de dito compromiso non está en sintonía connosco, desatendemos ou amosámonos indiferentes provocando unha sensación de deslealdade para a outra parte implicada. Será que podemos facer as cousas de xeito diferente antes de chegar a ese punto tóxico de desafección e traizón?
O nosos medos á incerteza, ao abandono e ao rexeitamento fan que utilicemos o compromiso como cabalo de Troia nas nosas relacións. Cargámolo con expectativas de eternidade, esixencias de garantía e idealizacións de seguridade que fan que moitas persoas evadamos ou fuxamos do compromiso. E outra cousiña, onde queda a vontade propia nesta ecuación do compromiso? Porque parece que pesa máis a obrigación imposta polos ditames sociais.
Tomemos un instante cada día para ser sinceras con nós mesmas preguntándonos:
- Aquí e agora sigo escollendo anovar este compromiso?
- Estou disposta a asumir as responsabilidades que implica este compromiso ou hai algunha delas que xa non quero seguir asumindo?
- Síntome a gusto nas condicións deste compromiso ou preciso modificar algunhas delas?
- Atrévome a expresarlle á outra parte a miña necesidade de cambiar certos puntos do noso compromiso? Asumo que a outra parte tamén   pode querer modificar certas cousas?
- Sei valorar os beneficios que obteño deste compromiso?
- Sei valorar á persoa ou persoas coas que teño dito compromiso? Como lle expreso esta valoración e agradecemento á outra parte implicada?
- Acepto que debater os termos do compromiso pode ser incómodo e implica amosarme vulnerable así como negociar?
- Asumo que nesta revisión do estado do compromiso existe a posibilidade de que poida acabarse?
- En que me comprometo comigo mesma? Estouno cumprindo ou pospóñoo para priorizar os compromisos que teño coas demais?