Listen

Description

A Vida sempre me sorprende. Envorca as miñas certezas como se fosen un barquiño de papel á deriva e non podo máis que quedarme bocaaberta. Sei que moitas persoas asocian sorpresa con algo agradable, pero en realidade unha sorpresa é algo que nos conmove, que nos suspende e marabilla pola súa rareza ou incomprensibilidade. Unha sorpresa é algo que estaba oculto e de súpeto emerxe con toda a súa forza. A Vida sorpréndeme deixándome claro que non estou preparada nin advertida para o que dispón, que toda previsión pola miña parte queda desmantelada pola súa gran creatividade e poder. Atónita e pasmada incluso espantada co que se presenta diante de min. É nese preciso momento cando podo ver claramente que non importa a cantos cursos, meditacións ou libros teña recorrido porque a Vida na súa sabedoría coñece moito mellor ca min mesma o que necesito experimentar; e así o fai acontecer. A pesar de todo o traballo interno que fago, sigo atopándome con situacións, noticias e persoas que me deixan nese estado de pasmo e admiración extremados no que a razón e o discurso  quedan paralizados logo da convulsión e o espasmo. Fago plans e organizo horarios con gran eficiencia e meticulosidade – como boa Virgo exaltada – porén a Vida déixame moi claro que, nun segundo e cun leve sopro da súa vontade, o meu castelo de naipes esboróase. Entón xorde a pregunta "E agora que?". Pois a tomar a agulla de marear de novo para encontrar o rumbo no medio do océano vital. As sorpresas da Vida desacóuganme, descolócanme e atórdanme, mais grazas a elas descubro partes de min que doutro xeito non exploraría; situacións, lugares e persoas que doutro xeito non encontraría. Os xiros da Vida fan que a existencia humana estea chea de incerteza, pero tamén de estímulo e resiliencia. Así que a pregunta pasa a ser "Entrégome a confiar na Vida?". O traballo da Vida, por dicilo dalgunha maneira, é catalizar a existencia, facer que existamos, que vivamos todo o que se está dando no momento presente. Pero o que ocorre no momento presente a maioría das veces non nos gusta nada e buscamos evitalo, negalo, eliminalo, ... E iso fainos moitísimo dano porque é un atentado contra a Vida en si e por extensión contra a nosa propia existencia.

 [A canción da que vos falo ao comezo do episodio titúlase "Pedro Navaja" e é de Rubén Blades.]