O 27 de marzo é o Día internacional do Teatro e, sendo actriz, pois non podo deixar de mencionalo nin de celebralo con moito agarimo cada día do ano.
Na fala coloquial, cando dicimos que alguén é “teatreira” ou que está “facendo teatro” nunha situación, referímonos a que fai algo falso, que engana e trata de manipular ás demais. E isto évos ben curioso porque en cambio, ás actrices o que nos esixen durante a formación e durante a carreira profesional é, xustamente, que entreguemos a verdade en escena.
A palabra Teatro vén do grego e significa literalmente "lugar para contemplar". Así pois, podemos dicir que o teatro é un ritual que dá paso a unha xuntanza de persoas co obxectivo común de contemplar. Os individuos escollen unirse en comunidade para observar na inconsciente busca da purificación catárquica e da éxtase bipolar entre a vontade de fuxir da propia vida contemplando a de outras e a vontade de encontrar a propia vida nas historias desas personaxes en escena.
Creo que a Vida ten moito de gran teatro onde todas somos actrices e espectadoras ao mesmo tempo. Non pola falsidade do que amosamos, senón polos múltiples sentimentos, pensamentos e roles que adoptamos ao longo do día. Cada persoa abeira dentro de si moitas facetas que se desenvolven dependendo do contexto e do rol social, familiar ou laboral no que nos atopemos. Asemade, moitas veces queremos fuxir da nosa propia vida escoitando as laias doutra persoa e outras tantas veces queremos contar as nosas laias e sentir que a outra persoa empatiza connosco.
Un comportamento dunha persoa non a define perennemente, hai moito máis que non estamos vendo. Tanto se alguén nos parece desprezable como se nos parece marabillosa, só estamos vendo unha pequena parte dese individuo dende o filtro subxectivo da nosa interpretación persoal, por suposto. Cando xulgamos que a outra persoa é imbécil, aproveitada, simpática, amorosa, amable, seria, extravertida ou malhumorada, facémolo dende o que sentimos na nosa interacción con dita persoa nese momento concreto; mais nas restantes vinte e catro horas do día, tanto nós como a outra persoa non nos mantemos iguais no noso sentir, pensar e actuar.
Somos infinitas e cambiantes por iso o de coñecerse a unha mesma leva toda unha vida e nin sequera sabemos se daremos coñecido todos os nosos propios recunchos internos, pra' canto máis coñecer totalmente ás outras persoas ...
Amigas, en definitiva: compaixón e paciencia para co que vemos en nós e para co que vemos nas demais.
Ofrécesenos un espazo magnífico no que entregarnos á tarefa da espectadora na butaca e á tarefa da actriz no escenario. Aproveitemos que temos a Vida como fermoso “lugar para contemplar” ás outras persoas e a nós mesmas.