Listen

Description

Non hai paisaxe galega na que non estean presentes as vacas. Na miña opinión, é o noso animal emblemático como pobo. É a imaxe do noso contexto histórico, político e social como ben a representaba Castelao nos seus debuxos. Lémbrome especialmente dun deles no que se vía en segundo plano a unha familia da aldea chorando porque lles morrera unha vaca e, en primeiro plano observando a estampa, un público “señorito” ríndose do pranto aldeán por consideralo ridículo.

Grazas a que miña mai e meu pai decidiron dedicarse a gandería vacúa, as vacas formaron parte da miña crianza e agradézolles todo o que aportaron á miña vida.

Dende ben cativa achei que teñen unha curiosidade insaciable que lles fai arriscarse a explorar o descoñecido e unha sensibilidade extrema que lles fai reaccionar a todo o que as rodea.

Actualmente utilizamos expresións coloquiais como “estar gorda coma unha vaca” ou “comer coma unha vaca”. Porén, a vaca non é un animal gordo senón que ten unha xenética e peso inherentes á súa especie e tampouco come moito, senón que no seu rumiar pasa entre sete e oito horas ao día mastigando o bolo alimenticio que xa inxeriu horas antes.