E colorín colorado... esta tempada está rematando. Resulta que esta semana foi o último día lectivo nas escolas e institutos de Galicia. E, tendo en conta que hoxe estamos ante o último capítulo do podcast antes das vacacións de verán, había que facer algo especial; como esas festas de fin de curso que lembras de maior ou as caixas de bombóns que traen xs profesorxs ao acabar o ano.
Por todo isto, hoxe, por moi Meraki que sexa, non vimos soas; senón que nos acompaña parte do alumnado do IES Pontepedriña que, xunto coa súa profe Bea, veñen a poñerse intensos con nós e a buscar en Cristais de Meraki un altofalante para as inquedanzas de toda unha xeración que non sempre se sinte escoitada.
A presión académica, as inseguridades, o medo a non ter grupo ou as expectativas de futuro... Inquedanzas universais que serven para pechar unha tempada na que nos abrimos en canle para crear un espazo seguro para nós e todas as que veñan. Remata así este Cristais de Meraki, deixando un oco para as novas voces con moitas cousas que contar.