Velaiquí o podcast co noso programa 1286. Puidestes escoitalo o venres 17 de setembro a través de RKV Radio e RCFM, e o sábado 18 por Cuac FM A Coruña e a radio Municipal de Redondela.
Viaxamos cara Sudamérica para vos presentar adiantos de discos que van ser publicados ao longo dos vindeiros meses. Abrimos con dúas pezas do novo disco de Susana Baca, a grande mestra da música afroperuana. Leva por título “Palabras urgentes” e será oficialmente editado a través de Real World o vindeiro 8 de outubro. A seguir desprazámonos até Cuba para escoitar dúas cancións do disco que Silvio Rodríguez gravou coa banda Diákara a comezos dos 90. A banda Diákara estaba formada por músicos procedentes dos Irakere e de Afrocuba, con quen Rodríguez xa gravara os discos “Causas y azares” (1986) e “Oh melancolía” (1988). O disco será finalmente editado nas vindeiras semanas. Conectámolo con dúas novidades do selo alemán Agogo Records. A primeira, o primeiro adianto do novo traballo da formación peruana Bareto, mestres da cumbia e da psicodelia. O segundo, o novo EP do proxecto Jembaa Groove, liderado polos músicos nómadas Eric Owusu e Yannick Nolting. Na recta final do programa desprazarémonos até Israel para descubrir as novas gravacións do contrabaixista Avishai Cohen e do pianista Shai Maestro.