Edición número 1413 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 21 de xuño a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 22 de xuño na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 26 de xuño a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 29 na sintonía de Rádio Filispim.
No programa desta fin de semana saímos de roteiro por Finlandia. Facémolo, en primeiro termo, por terras jazzísticas a contemporáneas: estréovos o novo disco do proxecto multirreferencial Tunto, ademais dos últimos traballos de Josefiina Vannesluoma, o noneto Njet Njet 9 e máis Olli Ahvenlahti. Aproveito tamén para vos adiantar dous sinxelos recentemente editados por We Jazz: anticipan as novas gravacións do cuarteto Superposition e do proxecto The Stance Brothers, alterego creativo do percusionista Teppo Mäkynen. Na segunda parte do programa entramos no terreo do trad para, da man de Nordic Notes, escoitar o novo disco das violinistas Emilia Lajunen e Suvi Oskala. Completamos o programa coa música de Venla Ilona Blom.