Listen

Description

Edición número 1418 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 27 de setembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 28 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 2 de outubro a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 5, tamén de outubro, na sintonía de Rádio Filispim.

O Narci Rodríguez dA Trío está de volta con “The Glitch: Suite for the Sad Young Men”, o seu quinto traballo discográfico. Dámos nel coas habituais marcas de identidade do proxecto: complicidade máxima entre os membros do grupo, texturas musicais procedentes do soul, do jazz e do rhythm and blues e moitísimo groove. Contaron, para gravar o disco, coa colaboración ás voces de, entre outras, De Vacas e Diana Tarín. Velaiquí o noso disco destacado da semana. Aproveitando que entramos de cheo no mundo da fusión, adicamos todo o programa a propostas que van do pop independente ao jazz, sen nos esquecer da experimentación contemporánea. Preséntovos diferentes novidades, tanto sinxelos como discos recentemente publicados. É o caso das bandas suízas Orchestre Tout Puissant Marcel Duchamp e Ali Dada, mais tamén do batería alemán Silvan Strauss e do guitarrista afincado en New Orleans Brian Gitkin. Completamos o programa coa música expansiva do finlandés Jimi Tenor e con Lutz Krajenski, quen vén de editar a través de Agogo Records o seu segundo disco adicado ao órgano Hammond. Temos tempo, ademais, para adiantar parte do novo disco do artista de Rio de Janeiro Momo.