Edición número 1430 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 14 de decembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 21 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 25 de decembro a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 28 na sintonía de Rádio Filispim.
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre veñen de adiantar as datas da súa xira de Nadal. Son catro, todas en decembro: Verín (Auditorio, sábado 21, 20:30h); Lugo (Sala Tebras, domingo 22, 19:30h); Narón (Pazo da cultural, sábado 28, 20:00h); Boiro (A Pousada da Galiza Imaxinaria, domingo 29, 19:00h). Aproveitando esta circunstancia, recuperamos un par de temas do seu último disco, “Axúdame a sentir”. Estréovos, sen saírmos do país, os últimos sinxelos de De Ninghures e dos Dios Ke Te Crew, para a seguir continuarmos a explorar a obra musical de Carme López. Na segunda parte do programa mudamos de rexistro para escoitar “No Title as of 13 February 2024 28,340 Dead”, o novo disco dos Godspeed You! Black Emperor. O título fai referencia aos palestinos e palestinas asasinadas dende o comezo da invasión israelita de Gaza, o pasado 7 de outubro do 2023, até a data de publicación do disco. É un proxecto brillante, cheo de reflexións sonoras cargadas de compromiso político.