Listen

Description

Edición número 1434 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 17 de xaneiro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 18 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 22 a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 25, tamén de xaneiro, na sintonía de Rádio Filispim.

UTU é unha das bandas máis inclasificables do panorama musical de Finlandia. Cultivan un pop de autor repleto de referencias cruzadas: ademais de certos matices progresivos, insiren paisaxes harmónicas que nos levan á música de cámara e, en ocasións, á propia música tradicional. Veñen de editar o seu novo disco, “Love Collection - By the Ashes That Used to Be the Everlasting Fire”, un traballo de texturas melancólicas e amplas intensidades sonoras. Velaiquí o noso disco destacado da semana. Os UTU están comandados por Petra Poutanen, quen tamén defende o seu propio proxecto en solitario. Faino baixo o alcume de Pelkkä Poutanen (“Unicamente a Poutanen”). No pasado ano 2024 presentou o proxecto no WOMEX de Manchester. Poutanen vén de estrear dous sinxelos que, en principio, funcionan como adianto do que será o seu segundo disco. Escoitamos ámbolos dous. Tamén presentamos, sen saírmos de Finlandia, os novos discos de Ánnámáret, Salamakannel e Pekko Käppi. Completamos o programa con “Valsette”, primeiro sinxelo extraído do novo disco dos Frigg. Levará por título “Dreamscapes” e será editado por Bafe’s Factory o vindeiro mes de febreiro.