Edición número 1437 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 7 de febreiro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 8 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 12 a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 15 na sintonía de Rádio Filispim.
Os galegos Sumrrá están de festa: no presente ano celebran o seu vixésimo quinto aniversario. No programa desta semana aproveitamos esta circunstancia para recuperar a súa música e para introducir diferentes novas relacionadas coa banda: preparan xira e novo disco, o cal sairá á rúa a finais do presente ano 2025. Ben de cheo no mundo do jazz, escoitamos tamén as últimas producións do selo WeJazz, as asinadas por Joona Toivanen e Timo Lassy. Conectámolas con “Moondial”, o novo traballo para guitarra soa de Pat Metheny, prolongación filosófico-musical do seu anterior “Dreambox”. Na recta final do programa descubrimos “Azken uda”, o último disco do trompetista bilbaíno Juan de Diego. Despedímonos con “Grande-Terre”, disco gravado por Roy Hargrove no ano 1998 que vén de ser editado hai escasos meses.