Listen

Description

Edición número 1439 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 21 de febreiro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 22 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 26 a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 29 na sintonía de Rádio Filispim.

“Feira”, o novo disco da banda De Ninghures, xa ten data oficial de publicación: terédelo na rúa dentro de poucos días, o vindeiro martes 25 de febreiro. Aproveitando esta circunstancia, no programa desta semana escoitamos os últimos sinxelos publicados pola banda. Estreamos, ademais, os últimos temas presentados por Rodrigo Leão, Baiuca e máis Guada. Leão editará o seu novo disco, “O rapaz da montanha”, o vindeiro mes de abril, mais vén de presentar o seu segundo adianto. Baiuca asina coa cantora vasca Izaro e os Oreka TX unha revisión máis que inqueda de “Xorieri”, un dos temas clásicos do repertorio de Erramun Martikorena. Guada, pola súa banda, adianta coas súas últimas cancións a publicación de “Algo familiar”, disco que estará nas tendas a finais do mes de marzo. Completamos o programa cos novos traballos de Omiri, A Banda da Loba, Resaca Emocional e a cantora de orixe sevillana María Yfeu.