Listen

Description

Edición número 1443 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 21 de marzo a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 22 de marzo na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 26 a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 29 na sintonía de Rádio Filispim.

O pianista armenio Tigran Hamasyan publicou na recta final do pasado ano “The Bird of a Thousand Voices”, proxecto baseado na lenda do Hazaren Bibul. Vén acompañado dun videoxogo en liña, unha instalación multimedia e un disco impoñente. Hamasyan volve mesturar tradición armenia, jazz eléctrico e aires progresivos para crear unha música dunha complexidade e beleza notábeis. Con el abrimos o programa desta semana. Preséntovos, ademais, as últimas novidades do selo WeJazz. A primeira, o esperado novo disco de Timo Lassy, gravado ao vivo no GLivelab de Helsinki. Será publicado oficialmente esta mesma fin de semana. A segunda, o primeiro sinxelo extraído de “Out of Self and into Others”, o primeiro traballo como líder do saxofonista Jussi Kannaste. Sairá á rúa o vindeiro 25 de abril. Completamos o programa co jazz intrépido do cuarteto PIIP, acrónimo de “Pienet ihmiset isot puut” (Pequenos seres humanos, grandes árbores). Os PIIP están liderados pola saxofonista Laura Helander, quen nos ofrece un disco de carácter conceptual onde reflexiona sobre as conexións existentes entre a natureza e o ser humano.