Listen

Description

Edición número 1444 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 28 de marzo a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 29 de marzo na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 2 de abril a través de Radio Crónica Folk Musical e o sábado 6 na sintonía de Rádio Filispim.

O corpo como espazo de experimentación e reflexión convértese no tema central do programa desta fin de semana. Abrímolo con “O fado”, disco de Lina e Marco Mezquida. Sorprende comprobar como Mezquida fai do seu piano unha prolongación do seu propio corpo, dándolle unha dimensión mesmo física. Isto permite que o diálogo coa voz de Lina adquira un carácter material fecundo e engaiolante. Os últimos sinxelos de Mondra, as Fillas de Cassandra e Faia tamén parten da reflexión sobre o corpo para, a seguir, introducir ideas diferenciadas sobre o pracer, a sexualidade e o lugar que este ocupa no espazo físico. Non son estes os únicos temas novos que escoitamos. Preséntovos, ademais, os últimos sinxelos de Tagua Tagua, Luís Peixoto, Catuxa Salom e Joana Dark e Casapalma. Ademais, escoitamos a Xabier Díaz para falarmos da publicación do seu libro “Cancioneiro galego serodio 1989-2012”. Completamos o programa co “Negra sombra” de Narci Rodíguez e o último disco da cantora arxentina Guada.