Listen

Description

Edición número 1461 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 26 de setembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 27 na sintonía de Cuac FM A Coruña, Rádio Filispim e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 1 de outubro a través de Radio Crónica Folk Musica.

Abrímoo o programa desta semana cunha delicia, “Outras trece cancións bonitas”. Abofé que lembrades o primeiro disco da serie, gravado por Germán Díaz e Benxamín Otero no ano 2018. Neste disco, editado por Producciones Efímeras, volven amosar un nivel sorprendente de entendemento artístico e de confianza musical. A seguir movémonos a Túnez para escoitar o último traballo de Anouar Brahem, “After the Last Sky”. A música fonda de Brahem serve de ponte para entrarmos en dúas propostas diferentes, finlandesa a primeira, sueco-finlandesa a segunda: “Essential Notes”, o novo disco como solista principal de J-P Piirainen, dá paso a “Migrating”, a reflexión sobre os fluxos migratorios asinada por Maija Kauhanen (kantele) e Johannes Geworkian Hellman (zanfona). Rematamos o programa desde Corea do Sur coa música inclasificábel da instrumentista plural Jiha Park.