Edición número 1463 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 10 de outubro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 11 na sintonía de Cuac FM A Coruña, Rádio Filispim e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 15 a través de Radio Crónica Folk Musica.
O 19 de maio do 2024, Xosé Miguélez presentou o seu cuarteto no Teatro Colón da Coruña. Fórmano os mesmos músicos cos que xa gravara previamente o extraordinario “Contradictio”: Jean-Michel Pilc ao piano, Carlos Barreto ao contrabaixo e Marcos Cavaleiro á batería. O cuarteto funciona de xeito fondamente orgánico, equilibrando con moita habilidade improvisación, disonancias bop e pasaxes melódicas coherentes. O concerto foi gravado e recentemente publicado a través de Tiny Moon Records. Este é o disco destacado do programa desta semana. Escoitamos, ademais, o primeiro EP coasinado por Abe Rábade e Antía Muíño, ademais do novo sinxelo do paulista Sessa. Completamos o programa coa música dos Lontras e de Rubén Reinaldo.