Edición número 1466 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 30 de outubro a través de Rádio Filispim, o venres 31 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 1 de novembro na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 5, tamén de novembro, a través de Radio Crónica Folk Musica.
Antía Muíño vén de publicar “A beleza”, primeiro sinxelo do que será o seu novo disco. Conecta a nivel estético e creativo co EP que gravou con Abe Rábade hai ben pouco. Se vos parece, no programa desta semana contrastamos os múltiples acertos musicais presentes nestas producións. A seguir, desprazámonos a Cantabria para presentar “Jotas”, o novo disco do dúo Casapalma. Sen saírmos da península, preséntovos un par de pezas incluídas en “Visita”, disco elegante onde os guitarristas portugueses José Peixoto e Nuno Cintrão reflexionan sobre o legado musical de Carlos Paredes. No segundo bloque do programa viaxamos a Finlandia e máis Estonia. Estoitamos “Talven uneen vaipuen” (Caíndo no soño do inverno), disco conceptual asinado por Meriheini Luoto. Creou esta obra para catro cuartetos diferentes: Awake Percussion, Luoto Luonnos, Saxtronauts e Signe. Trátase dun proxecto de natureza ambiental e experimental que toma os sons da natureza como fonte de inspiración. Conectámola co último sinxelo dos Okra Playground e un par de pezas de “Stories of Stonia Live”, disco gravado ao vivo ao longo de diferentes meses pola artista estoniana Mari Kalkun.