Edición número 1467 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 6 de novembro a través de Rádio Filispim, o venres 7 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 8 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 12 a través de Radio Crónica Folk Musica.
No programa desta semana converxen estilos plurais, xéneros musicais diversos e propostas inclasificábeis. Abrimos o programa dende Xenebra cos Yalla Miku, aproveitando a publicación do seu novo disco a través de Bongo Joe. O postpunk rítmico e atmosférico dos suízos dálle paso ao novo disco dos Langendorf United, xa nas tendas dende hai algunhas semanas. Escoitamos tamén sinxelos que adiantan novos discos. É o caso do novo de Anton de Bruin, teclista e produtor holandés de amplo percorrido, mais tamén da nova e imperial canción do proxecto Quyech. Este proxecto está liderado polo guitarrista de Hanoi Duc Nguyen, quen vai editar o seu novo disco co prestixioso selo xaponés MIDI INC. Conectamos estas propostas co primeiro disco en solitario de Luc Moindranzé Karioudja, cantante e percusionista da Réunion. Na parte final do programa entramos de cheo nas últimas producións do selo Real World. Escoitamos o novo disco de Will Gregory (Goldfrapp), onde se recolle a música escrita para a produción da Royal Shakespeare Company “Soño dunha noite de verán”. Preséntovos, de igual xeito, o último EP das Zawose Queens, gravado recentemente ao vivo na Wood Room dos propios estudos Real World. Pechamos o programa con “Lengua Materna I”, EP de Clara Serra López para “X”, o subselo do selo británico consagrado ás músicas máis experimentais do seu catálogo.