Edición número 1469 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 20 de novembro a través de Rádio Filispim, o venres 21 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 22 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 26 a través de Radio Crónica Folk Musica.
Eliseo Parra comezou a traballar no disco “Recopla” no ano 2015, aproveitando os descansos entre xiras e concertos de presentación dos seus outros proxectos. Xa con tempo, logo da súa despedida dos escenarios, puido concentrarse na súa gravación e produción. O resultado final é fantástico, unha mostra exemplar de amor a un xénero que o acompañou ao longo de toda a súa vida. No programa desta semana preséntovolo. Temos a seguir sinxelos que adiantan novos discos. É o caso das últimas producións de Antía Muíño, Leo Middea e Maurício Fleury. Este último échenos ben coñecido por ser un dos membros fundadores dos Bixiga 70. Na segunda parte do programa saltamos á política editorial de Real World para escoitarmos as súa últimas propostas. A primeira, o novo sinxelo da artista de Ghana Lamisi, incluído nun traballo que virá a luz en febreiro do vindeiro ano. A segunda, o fantástico concerto gravado por Susana Baca no WOMAD do ano 2023. Rematamos o programa con “Jogkauns”, disco no que Jasdeep Singh Degun centra a súa atención creativa na música clásica do norte da India.