Listen

Description

Edición número 1472 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 11 de decembro a través de Rádio Filispim, o venres 12 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 13 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 17 de decembro a través de Radio Crónica Folk Musical.

Abrimos o programa con “Un home tranquilo”, o novo disco de Cristian Silva. Preséntovos a seguir un adianto de “Barullo remixes”, disco onde diferentes produtores e artistas sonoros transforman o repertorio incluído dentro do último disco de Baiuca. Na parte central do programa movémonos a América Latina para escoitar os últimos traballos de Maurício Fleury e Susana Baca. Conectamos estes discos con dous adiantos. O primeiro, o sinxelo que anticipa o primeiro disco do proxecto Nuevos Ríos, banda consagrada á música afrocolombiana. O segundo, a nova canción da artista asturiana Rita Ojanguren. Teremos o seu novo disco na rúa a comezos do vindeiro ano 2026. Na parte final do programa escoitamos “Manuša II”, o sorprendente novo traballo da artista eslovaca Júlia Kozáková.