Listen

Description

Edición número 1473 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 18 de decembro a través de Rádio Filispim, o venres 19 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 20 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 24 de decembro a través de Radio Crónica Folk Musical.

No ano 2015, naceu en Xenebra o selo Bongo Joe. Fundárono Cyril Yeterian —quen rexenta unha tenda co mesmo nome— e Vincent Bertholet. O selo, de fonda natureza irreverente, traballa xéneros dispares: músicas psicodélicas, funk, fusión, rock alternativo e mesmo postpunk. Gravaron para o selo nomes do nivel de Altin Gün, Orchestre Tout Puissant Marcel Duchamp, Nusantara Beat e Esplendor Geométrico. Para celebrar este aniversario, o selo suízo vén de publicar un espléndido disco dobre onde compilan o mellor das súas producións. Esta fin de semana preséntovolo. Escoitamos a seguir outra escolma musical, a asinada pola DJ de orixe mexicana Coco María. En “Club Coco: nuevas dimensiones de la música latina” explora, seguindo criterios transnacionais, propostas musicais orgánicas baseadas nas músicas populares de diferentes países latinoamericanos. Pechamos o repaso á actualidade con “Esperança”, o último traballo coasinado por Nancy Vieira e Fred Martins. Nel, adaptan á estrutura da bossa e da morna temas propios e alleos, amosando un altísimo nivel de complicidade artística. Completamos o programa coas músicas dos Spafford Campbell e de Lamisi.