Edición número 1477 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 15 de xaneiro a través de Rádio Filispim, o venres 16 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 17 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 21 a través de Radio Crónica Folk Musical.
Logo do noso repaso aos 15 mellores discos do ano, cómprenos centrar a atención na actualidade. No programa desta semana ofrézovos unha mestura de sons experimentais, texturas ambientais e motivos rítmicos circulares. Abrimos o programa con “4/4”, o último dos Rinneradio, unha das formacións de música electrónica e fusión electroacústica máis representativas da escena finlandesa. Analizamos a seguir o tríptico sonoro asinado por Brian Eno e Beatie Wolfe. Os tres volumes da colección, editados ao longo do pasado 2025, van con rigor e coherencia da música ambiental e a electrónica experimental ao pop de vangarda. Levan por título “Liminal”, “Luminal” e “Lateral”. Na segunda parte do programa preséntovos o primeiro sinxelo extraído de “Close-Up On The Outside”, disco asinado por Booker Stardrum. Residente en NY, Stardrum constrúe loops rítmicos coa súa batería e diferentes controladores midi, dando orixe a pezas orgánicas onde a electrónica converxe con diferentes instrumentos acústicos. O disco será editado por We Jazz o vindeiro 27 de febreiro. Rematamos o programa co último dos suízos Divr, xa nas tendas dende hai escasas semanas.