Edición número 1479 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 29 de xaneiro a través de Rádio Filispim, o venres 30 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 31 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 4 a través de Radio Crónica Folk Musical.
Na primeira parte do programa desta semana, descubrimos tres propostas nórdicas. Todas elas parten da tradición, mais afástanse dela para entrar de cheo no terreo do pop, da fusión e da experimentación contemporánea. É o caso das finlandesas Tuuletar, quen estrean esta semana o seu terceiro disco, “Maammo” (Nai Terra). Tamén dende Finlandia escoitamos “Naarattu laulu” (A canción rastrexada), traballo onde o artista e poeta sami Niillas Holmberg mestura joik e recitados co saxo expresionista de Pauli Lyytinen. Pechamos este primeiro bloque dende Suecia coas Kongero, quen veñen de presentar un máis que interesante traballo ao vivo gravado co quinteto belga Wör. Na segunda parte do programa deixamos a tradición de lado para entrarmos no mundo do rock galego e portugués. Estréovos “Vai dar”, primeiro sinxelo do que será o novo disco dos Glockenwise, antes de pechar o programa dende o país con “Disco comarcal”, a aditiva e estupenda nova gravación da Familia Caamagno.