Listen

Description

Edición número 1481 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 12 de febreiro a través de Rádio Filispim, o venres 13 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 14 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 18 a través de Radio Crónica Folk Musical.

Comezamos o programa coas novas cancións de Antía Muíño, aproveitando a inminente publicación do seu novo disco. Levará por título “Anfibia por veces”, e será editado o vindeiro 20 de febreiro. Presentamos tamén o primeiro sinxelo de “Tertúlia”, o novo disco das Fillas de Cassandra. Dende Brasil preséntovos os novos sinxelos de Dorea e Lucas Santtana —este último coas occitanas Cocanha— para, a seguir, descubrir a nova música dos Ireke. No seu novo disco mesturan con habilidade afrosoul, afrobeat e highlife. Na recta final preséntovos a escolma “Levé levé 2”, colección editada por Bongo Joe onde se reúnen pezas gravadas por artistas de São Tomé e Príncipe. Despedimos o programa con “Put the Bucket Down”, a nova canción de Peter Gabriel.