Listen

Description

Edición número 1500 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 25 de xuño de maio a través de Rádio Filispim, o venres 26 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 27 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 1 de xullo a través de Radio Crónica Folk Musical. Con este programa despedimos a tempada 2025-2026.

O 4 de setembro do ano 2023 estreouse no Festival de Cine de Venecia “Opus”, filme dirixido por Neo Soro. Esta película recolle o último concerto gravado en vida por Ryuichi Sakamoto. Cunha sobria fotografía en branco e negro, Soro recolle as interpretacións de Sakamoto sen caer na pornografía emocional: estamos diante dun documento vital, onde un dos máis grandes artistas do pasado século se enfronta a súa música por última vez. A finais do pasado 2025, editouse finalmente o concerto en formato físico en Xapón. Chega agora tamén ás tendas europeas nunha edición extremadamente coidada. Abrimos o programa desta semana con este disco. A seguir, preséntovos os novos traballos de Elina Duri e Rob Luft e Rita Ojanguren. Elina Duri é unha cantante de jazz suízo-albanesa de amplo percorrido. En “Reaching for the Moon” (ECM) colabora por terceira vez co guitarrista británico Rob Luft, dando como resultado un disco de repertorio heteroxéneo e grande sensibilidade interpretativa. A asturiana Rita Ojanguren, pola súa banda, presenta en “Ojos de leche” un disco de canción de autora con matices jazzísticos, tan ben equilibrado coma escrito. Pechamos o programa, o derradeiro da tempada 2025-2026, reflexionando sobre a música contida no último disco de Hannah Peel e Beibei Wang.