Na cuarta achega de “Entreliñas” falamos de literatura infantil e xuvenil (LIX).
A especialista Montse Pena Presas debulla os contidos da exposición “Cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego: unha árbore de historias” que estará na Biblioteca de Galicia ata o vindeiro maio de 2023.
A bibliotecaria e contacontos Cris de Caldas fala do importante que segue a ser na actualidade a narración oral para os nenos e as nenas. Na biblioteca Ánxel Casal de Santiago descubrimos os hábitos lectores do público infantil e xuvenil da man do seu director, Jesús Torres. Alba Blanco ábrenos as portas e as fiestras da librería Seijas, especializada en LIX e álbum ilustrado e celebramos o Día da Tradución con Ana Luna, docente, investigadora e vogal de GÁLIX (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil)
Marcos López achéganos fragmentos do último premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, “Un elefante na sala de estar”, de Berta Dávila (Xerais), Bea Gregores le para nós un fragmento da súa obra “As mulleres que cultivaban néboas” (Xerais) e a xornalista Chus Gómez Dorrego recomenda que leamos “A viaxe de Gagarin”, de Agustín Fernández Paz. A compañía musical vén da man (e a voz) de Magín Blanco, coas cancións “Cores” e “Corazón”. E de corazón agradecemos que nos escoitedes, sempre, entreliñas!