Romanticismo, compromiso e profesionalización son vectores que atravesan a historia da edición en galego ata os nosos días, en que a carón das empresas xeralistas que logran manterse xorden pequenos selos especializados. Neste capítulo de Entreliñas, falamos do oficio de editar con Fran Alonso, director de Xerais, e con Vanesa Rodríguez, responsable de Néspera Editora. Tamén festexamos o centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha exposición sobre o papel das mulleres nesta institución, cunha conversa coa súa comisaria Carina Fernández Faya.
E pasamos as páxinas destas conversas entreliñadas coas pezas musicais: “Aire”, “Maneo de Cambre” e “Buchimitsa”, de Caamaño e Ameixeiras. Este capítulo fixémolo Belén García Freijeiro na produción, Marcos López, Teresa Cuíñas e Eva Mejuto na redación e Denís Losada na técnica.