Neste terceiro episodio dedicado ás artes escénicas conversamos cunha das persoas que mellor coñece as medidas dos escenarios do país, como é o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, a propósito da súa obra premiada Sophie non é o meu nome de guerra.
Tamén facemos parada especial no centenario da actriz María Casares da man dunha da súa primeira biógrafa, Arancha Estévez, quen tamén comisaria para a Xunta de Galicia a exposición itinerante 100% María Casares, o teatro é o refuxio. Na Coruña, cidade natal de Casares, paseamos coa técnica Rosa Michelena pola mostra María Casares: residente privilexiada coa que a Biblioteca Pública Miguel González Garcés se suma á efeméride.
Coa voz de Marcos López repasamos textos recentes de Esther Carrodeguas e de AveLina Pérez e contamos coas recomendacións de Susana Sánchez Aríns e de Lorena Conde. De palco a palco, soan na nosa banda sonora varios cortes do disco Erosión (2022) de Chicharrón, grupo procedente de Carballo, unha das nosas vilas teatreiras por excelencia, como Cangas, Ribadavia e Vilanova de Arousa.
Que comece a función!