Listen

Description

No informativo de hoxe contamos que todo está listo para a festa de Pre Fin de Ano na Estrada, que se celebra esta noite. Aínda quedan entradas dispoñibles en taquilla e prégase acudir con DNI físico. A Policía Local terá servizo especial durante a celebración, e o seu xefe agarda unha noite festiva pero tranquila.

No mesmo ámbito, a Estrada contará cun novo axente de Policía Local, que tras aprobar a oposición iniciará o 2 de xaneiro a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública.

A concelleira Lucía Seoane desgrana a programación cultural ata final de ano e anima a reservar entradas para o musical de Pinocho, que chegará o 2 de xaneiro ao Teatro Principal.

En comarcas, deixamos a crónica dun choque frontal en Ventoxo (Forcarei) con tres feridos, un deles grave; dunha saída de vía en Cuntis na Noiteboa, onde apareceu un coche abandonado cunha cadeira infantil no interior; e da licitación dun novo contrato para garantir o Servizo de Atención Temperá na comarca. Ademais, a Deputación de Pontevedra aproba máis de 9 millóns de euros en axudas para música e deporte.

En deportes, hoxe clausúrase o V Clinic de Nadal, no que técnicos do Celta de Vigo adestraron durante toda a semana a rapaces da Estrada e dos concellos veciños.