Afrodita é a deusa grega do amor e da beleza. Nacida da escuma do mar de Chipre, segundo Hesíodo, ó ser fecundado polos xenitais do Ceo/Urano, botados polo seu fillo Crono/Saturno despois de castralo.
Durante o xuízo de Paris, nada puido a maxestade da deusa Hera nin a belicosidade de Atenea fronte á súa sedutora beleza, e Paris concedeulle a mazá de ouro como premio á fermosura. Foi a protectora de Paris e de Troia, e logo do heroe latino Eneas, o fillo de Anquises e fundador simbólico de Roma. É tamén a fecundidade na natureza vexetal e animal. O seu fillo é Eros -o latino Cupido- caprichoso frecheiro de dous dardos: un para os amores felices, e o outro para os desgrazados.
Os seus poderes eran inmensos: protexía aos esposos, fecundaba os fogares, estaba presente nos partos, simbolizaba a paixón desenfreada, incitaba aos mortais a toda clase de voluptuosidades e vicios.