Atenea é a filla de Zeus e de Metis, chamada posteriormente polos romanos Minerva. É unha das seis deusas principais do panteón grego clásico. Deusa da sabedoría, gardiá da xustiza e das leis. Aínda que é unha deusa virxe actúa como nai adoptiva de heroes como Perseo e Teseo, e é adorada desde moi antigo como patroa de Atenas, onde se construíu o Partenón, o Erecteión e os Propileos para adorala. Nos mitos clásicos nunca tivo consorte ou amante, e por iso a miúdo era coñecida como Atenea Partenos ("virxe").